Sede electrónica Concello de Cambre

00:32:07 Venres 27 de decembro 2024
Estás en:

Detalle trámite

Comunicación previa de obra

Quedan suxeitos ao réxime de intervención municipal de comunicación previa os actos de uso do solo e do subsolo non suxeitos a licenza (están suxeitos a licenza os actos que requiren proxecto de edificación e outros supostos) e, en todo caso, os que así se establezan nas leis. O promotor dos actos de uso do solo e do subsolo comunicará ao concello a intención de levar a cabo o acto cunha antelación mínima de quince días hábiles ao da data en que pretenda comezar a súa execución.
Con carácter xeral, transcorrido o prazo de quince días hábiles sinalado, a presentación da comunicación previa cumprindo con todos os requisitos esixidos constitúe título habilitante para o inicio dos actos de uso do solo e do subsolo suxeitos a ela, sen prexuízo das posteriores facultades de comprobación, control e inspección por parte do concello.
(Art. 142.3 e 146 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia).

CONDICIÓNS XERAIS PARA AS OBRAS SOMETIDAS A COMUNICACIÓN PREVIA
1) Non se poderán iniciar as obras que con este escrito se comunican ata que transcorra polo menos o prazo de quince días hábiles contado a partir do seguinte ao da entrada no rexistro municipal desta comunicación coa documentación esixible completa.
As obras que se comunican deberán de iniciarse no prazo máximo de seis meses contado a partir do día seguinte a aquel no que finalice o prazo de quince días sinalado no parágrafo anterior e deberán ser finalizadas no prazo máximo de un ano contado a partir da mesma data. Finalizados os ditos prazos sen que as obras se inicien ou rematen se declarará caducado o dereito a obrar que outorga a comunicación previa, salvo que o interesado comunique prórroga dos referidos prazos antes da súa finalización e por un tempo non superior ao inicialmente establecido.
2) Transcorrido o prazo de quince días hábiles desde a presentación da comunicación previa sen que se requira ao interesado a corrección de posibles deficiencias que puideran existir, se poderán iniciar as obras comunicadas, sen que a inactividade da Administración implique a emenda dos defectos ou irregularidades que presente o contido da comunicación ou da documentación que se achega con ela nin os que poida presentar a obra ou a actuación obxecto da comunicación.
3) Unicamente se poderán executar as obras descritas na presente comunicación. As dimensións e características das obras non excederán das comunicadas, considerándose como infracción urbanística calquera extralimitación na que se incorra. Cando se pretenda introducir modificacións durante a execución se deberá comunicar de novo o dito feito ao Concello.
4) A presente comunicación non supón autorización para a ocupación da vía pública u outros espazos públicos con materiais de construción, andamios, máquinas, guindastres ou calquera ferramenta ou instrumento nin para ningún outro acto de uso do solo ou do subsolo do dominio público ao que afecte o mesmo xa que isto deberá ser obxecto da correspondente solicitude de licenza para a súa autorización, se procede.
5) Na realización dos traballos estarase obrigado a reparar os estragos que como consecuencia das obras se orixinen nas vías públicas e demais espazos lindeiros, e a mantelos en condicións de seguridade, salubridade e limpeza.
6) A presente comunicación producirá efectos entre o Concello e quen a promove, pero non alterará as situacións xurídicas privadas entre este e as demais persoas. As obras realizaranse deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo do terceiro.
7) O comunicante deberá ter a disposición dos servizos municipais a comunicación previa rexistrada neste Concello e facilitará o acceso dos ditos servizos á obra para a súa comprobación e inspección.

CONDICIÓNS ESPECÍFICAS PARA AS OBRAS SOMETIDAS A COMUNICACIÓN PREVIA
1) Se as obras que se comunican se refiren á construción de cerramentos de parcela, antes do inicio da obra deberá solicitarse pola persoa interesada na Área de Urbanismo deste Concello que se fixe sobre a parcela a aliñación e o recuamento do cerramento con respecto ao camiño público ou estrada cos que linde. Para tales efectos levantarase un acta deste replanteo que se subscribirá por duplicado pola persoa interesada e o persoal técnico da dita Área de Urbanismo.
2) As obras de acometida ás redes municipais de abastecemento de auga ou de saneamento serán realizadas polo interesado ata a ocupación do subsolo ou solo do dominio público municipal, a partir do cal serán continuadas ou dirixidas pola empresa adxudicataria do
servizo municipal de abastecemento de auga e saneamento e ata a súa conexión á rede a cargo do peticionario.
Se estas obras de acometida ás redes municipais afectan ao subsolo ou solo de dominio público doutras Administracións Públicas teranse que executar polas persoa interesadas, ademais de coas condicións que máis abaixo se indican, coas condicións e requisitos esixidos polas ditas Administracións nas autorizacións que, se procede, concedan para a execución das obras e ata a conexión ou entronque á rede municipal que será executado pola empresa adxudicataria do servizo municipal de abastecemento de auga e saneamento.
En todo caso as obras de acometida a estas redes de servizo municipais teranse que executar coas seguintes condicións:

Acometida á rede de saneamento:

a) Existirá unha arqueta sifónica no interior do límite da propiedade para evitar olores e facilitar desatoamentos.
b) Dende a arqueta sifónica dispoñerase dun tubo de PVC sanitario de diámetro mínimo 160 mm, recuberto perimetralmente con formigón, e con pendente comprendida en o 1% e o 6%. O tubo discorrerá o máis recto posible, non permitíndose curvas nin cambios de dirección sen arqueta ou pozo de rexistro correspondente.
c) A conexión do tubo de evacuación particular co pozo de rexistro, que de non existir deberá ser executado polo solicitante, farase sempre por riba da xeratriz do tubo da rede xeral que desemboca nese pozo. Ademais, a cota de saída na edificación será sempre superior á da tapa do pozo ao que se conecte.
d) No caso de que o tubo do interior da propiedade quedase máis baixo que o da rede municipal, dispoñerase un pozo de bombeo en lugar da arqueta. O tubo de impulsión á rede municipal será de polietileno de alta densidade de 50-63 mm de diámetro, de acordo coas características técnicas da bomba. Sempre se instalarán válvulas antirretorno.
e) O tubo de saneamento discorrerá sempre por debaixo do de abastecemento de auga, no caso de existir un cruzamento ou de discorrer parellas ambas instalacións.
f) A reposición do firme farase co mesmo material que o pavimento orixinal.
g) Non se poderán conectar á rede pública de sumidoiros as augas pluviais, as cales terán que ser canalizadas cara á cuneta.

Acometida á rede de abastecemento de auga:

a) A acometida consistirá nunha tubaxe de polietileno de diámetro 32 mm (1”) en 16 atmosferas de presión, con collarín e banda de aceiro inoxidable, machón de bronce e válvula de cuadradillo de bronce e o enlace de latón para unir válvula con tubaxe de acometida.
b) Se executará unha arqueta non rexistrable de ladrillo macizo de dimensións aproximadas de 30 cm x 30 cm, para aloxamento da válvula. Parte superior da arqueta se executará cunha lousa de formigón de espesor 4 cm, cun orificio troncocónico (impedir a caída da tubaxe de PVC ao interior da arqueta). Sobre esta tapa se encaixará unha tubaxe guía cunha tubaxe de rexistro en PVC de 90 mm, serie C, ata 10 cm antes da rasante do pavimento, para que o rexistro no apoie no tubo guía. Como remate se colocará tapa de rexistro (de fundición de diámetro de 20 cm) enrasada co pavimento, con indicativo “Augas de Cambre”, e frecha de sentido de fluxo de auga.

En calquera dos dous casos a persoa interesada comunicarase con Augaservi, empresa concesionaria do servizo municipal de abastecemento de auga e saneamento, para que por esta se efectúe a correspondente conexión ás redes públicas e para que, no caso de que a obra de acometida implique uso do solo ou subsolo de dominio público municipal, se executen ou dirixan as obras neste tramo pola dita concesionaria.

Preferentemente de forma telemática a través do botón "Iniciar trámite". Se a persoa interesada non utiliza a vía telemática, poderá descargar o impreso ou impresos dende está páxina ou acudir ao rexistro do Concello, onde lle facilitarán o dito impreso/s normalizado/s para presentar.

NOTA:  A documentación técnica tramitada a través da plataforma de traballos profesionais do COAG ou outros colexios profesionais non terá que ser achegada; só se terá que indicar na instancia o código correspondente.

  • Comunicación Previa de Obra.
  • No caso de actuar en representación, copia dos documentos de identidade da persoa representante e da persoa interesada coa autorización escrita desa última ou copia de poder para actuar en representación (ver modelo). No caso de presentación online, non é necesario aportar o documento de identidade da persoa que presenta (nin da persoa interesada no caso de utilizar un certificado electrónico de representación).
  • Descrición suficiente das características do acto de que se trate cun esbozo ou descrición gráfica.
  • No seu caso, proxecto técnico esixible legalmente e declaración do persoal técnico ou facultativo que autoricen o proxecto de que este cumpre en todos os seus extremos coa ordenación urbanística de aplicación.
  • Orzamento detallado.
  • Fotografías de estado actual (previo á realización da obra) en caso de obras de reparación.
  • Copia das restantes autorizacións e, no seu caso, concesións administrativas cando fosen legalmente esixibles ao solicitante, ou acreditación de haberse solicitado o seu outorgamento.
  • Documento de avaliación ambiental, si é o caso.
  • Copia da autorización ou ditame ambiental, así como das restantes autorizacións, concesións ou informes sectoriais cando fosen legalmente esixibles.
  • Xustificante de pago de taxas segundo a/as ordenanza/s vixente/s.

Nome: Comunicación Previa de Obra.

Unidade tramitadora: Urbanismo.

Inicio do procedemento: A instancia de parte.

Tipo de interesado: Persoa física ou xurídica

Taxas/impostos: Consultar ordenanzas fiscais do apartado de normativa.

Canles de atención: Telemático (Iniciar trámite).

                                  Presencial.